A ULLOA, Introdución xeográfica.
A Ulloa, comarca xeográfica ou comarca natural e unha das mais nítidas de Galicia cunha extensión de 416 Km2(o 4,19 % da provincia de Lugo), correspóndese coa conta alta do río Ulla, onde nace e recibe os seus primeiros aportes de auga ata transformarse nun auténtico curso fluvial a partir do Batán e encamiñarse cara ás terras de Melide e Arzúa, nas que xa se fala de Ulla medio (Ullán). O nome de Ulloa a esta cunca fluvial é relativamente recente. Deste río a primeira referencia corresponde a Pomponio Mela na súa obra «De situ orbis» (século I d.c.)
A cunca alta do Ulla, A Ulloa, define un espazo de chairas e vales de 400 a 600 metros de altitude, o aplanamento superior, rodeado completamente de montañas que a encerran e singularizan, unha alternancia de terreos peniplanizados, amplos vales fluviais e alineacións montañosas pouco elevadas pero voluminosas. A Dorsal Galega, un conxunto de serras de mediana altitude (800 a 1100 metros) que se estenden polo centro de Galicia de Norte a Sur, bifúrcase en dous ramais no noso espazo a partir do lugar do Maxal (Taboada) un ramal occidental co Careón e Farelo, outro oriental cos Montes da Vacaloura e os dous unidos por unha serie de relevos residuais que podemos denominar xenericamente os Montes de Ligonde, volvéndose a xuntar no Corno do Boi (no límite de Palas de Rei con Friol e Toques) e individualízano das áreas próximas. Esta continuidade montañosa desaparece unicamente no SE de Palas de Rei, onde a confluencia do Ulla e o Pambre fan posible a apertura dura corredor entre os relevos da Dorsal.
Dende o cume dos montes Narón, San Cristovo, Farelo, etc., obsérvase perfectamente a Ulloa como un conxunto de terreos entre elevacións.
A lectura político-administrativa identifica a Ulloa coa extensión de tres concellos, Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, basicamente coincidentes co alto Ulla, se exceptuamos as parroquias máis setentrionais dos mesmos e algunhas feligresías de Taboada que tamén é Ulloa dende o punto de vista da xeografía física.
Climatoloxicamente, a Ulloa inscríbese plenamente no dominio oceánico-continental, común a boa parte da Galicia interior. As temperaturas medias anuais son moderadas (entre os 11° e os 12º), e a actuación dos relevos da Dorsal como pantalla pluviométrica redunda en que a cantidade de precipitación anual sexa de 1300 a 1400 mm. Os invernos son fríos, cunha media de 6° e o verán suave, ten polo tanto unha oscilación térmica pouco importante, (apróximadamente 12°). Os meses de outubro a maio poden definirse de húmidos ou hiperhúmedos con precipitacións superiores ós 100 mm. Os meses de verán son secos. A aparición de neve non e infrecuente, de 1 a 5 días por ano.
A Ulloa defínese como unha comarca eminentemente agraria, onde a explotación gandeira se converteu nos últimos anos na principal actividade. Das 19.000 Ha. da superficie non ocupada pola vexetación natural, o 55 % corresponde ós praderías e o 45 % as terras de laboreo (1983) sendo constante o aumento da pradería en contra da terra de laboura. Entre o cultivo sobresae o millo, o trigo, o centeo e as patacas.
(Rubén Lois Gonzalez. GEG, A Ulloa, Tomo 1)
Información moi completa e interesante, dende varios puntos de vista. Moi ben!
Gracias
Felicitaciones! Un gtan proyecto, certero y ameno para quienes queremos aprender sobre esta hermosa tierra Gallega. Abrazo desde Cordoba, Argentina.
Gracias