A Torre de Fente

A Torre de Fente declarada BIC (Ben de Interese Cultural) en 1949, xunto co pazo de Bidouredo e o Pazo de Cumbraos, este último é o único que se mantén en pé, polo de agora. (1)

Esta Torre está totalmente desaparecida, só queda o pequeno outeiro onde se erguía.

Atopábase na Parroquia de Fente no lugar de A Torre, nunha pequena curva do regato de Sucastro a uns centos de metros antes de xuntarse co aínda pequeno río Ulla, que serve de limite entre Antas e Monterroso ademais de separar as parroquias de Fente, Casadenaia e Vilanuñe.

Por diante da Torre, tirando ao Oeste, pasaba o camiño cara Ourense, o Ribeiro e Pontevedra atravesando o Porto Mirón,  pontella sobre o Ulla. Outro camiño collía diante da Torre cara o Sur dirección Fente, que comunicaría tamén con Ourense, pero indo cara a Taboada, Chantada, e cara a  Portugal. Nas inmediacións aínda conserva o nome de A Brea, (Verea, Camiño). Ao Leste a uns centos de metros discorría o camiño que ía de Melide a Taboada e Monforte, atravesando Parteme e Frameán.

Descoñecese cando se construíu e quen a mandou facer dita fortaleza, recaendo as sospeitas sobre os Ulloas, condes de Monterrei, aínda que sen probas que o demostren. Para situala cronoloxicamente ,de pronto, só nos podemos guiar por unha foto de principios de século, onde se distingue a porta, situada no segundo andar, formada por un arco oxival lixeiramente apuntado e rodeado cunha moldura en dente de serra. Este arco forma parte da arquitectura da época gótica que abrangue dende o século XII o XVI, polo que nos movemos nun treito que vai do ano 1100 o ano 1500.

Situándonos cronoloxicamente, as terras de Monterroso pasan por diversas mans. En 1038 despois da batalla de Tamarón e nomeado rei Fernando I, parte da nobreza galega non veu ben dita elección, perdían poder e a facultade de nomear e educar aos reis. A Condesa Odrocia Godesteiz, a súa filla Elvira e o seu xenro Munio Rodríguez revélanse dende os seus castelos de Monterroso contra o rei Fernando I. Son vencidos e exprópianlle todas as terras.  No ano 1100 correspondíanlle os Traba, o conde D. Pedro Froilaz de Trastámara, e Monterroso, naquel intre auténtico señor de Galicia, aio do rei Afonso VII, e pai de Dona Lupa a quen lle cedeu o condado de Monterroso e casou con Munio Pelaez, Conde e tenente de Monterroso entre os anos 1112, 1115 e 1124. Época no que pasou o celebre “asalto o castelo de Monterroso” por parte de Alfonso I de Aragón. Posteriormente pasa a mans dos Lemos, figurando en 1221  Fernando Gutiérrez “tenente de Monterrosum et Lemos”.  

Debuxo: Manuel Vázquez Seijas. Fortalezas de Lugo y su provincia

                          

Gonzalo Ozores de Ulloa recibe en 1404 as terras da Ulloa e Monterroso, de man de Pedro Enríquez, posuidor agora dos bens dos Castro e sobriño do rei Enrique II “O das Mercedes”, comezando así o gran ascenso dos Ulloas.

Temos entón unha lista a grandes rasgos dos posíbeis construtores da fortaleza: Os Trava, os Castro ou os Ulloa. Aínda que quedan partes da nosa historia por estudar.

O primeiro documento do que temos referencia polo de agora é un que se atopa no pazo de Laxe en Monterroso onde se denomina “Torre de Vilanova de Monterroso”  “En la torre de Vilanova de Monterroso a 17 de febrero de 1571, ante el magnifico Sr. Alonso Vázquez Varela juez de la dicha Torre por el Ilmo. Sr. Marques de Sarria, mi señor, comparece presente…(2)

O Marques de Sarria (Lemos) aparece debido a preitos pola propiedade de Biezma e a Ulloa entre os Lemos e a casa de Monterrei que comezaron en 1515 e remataron en 1610.

No ultimo terzo do século XVI era Alcaide da fortaleza xa convertida en prisión o capitán Juán Mariño de Goyanes, casado con Dona María das Seixas i Sotomaior. (2)

Foto: Manuel Vázquez Seijas. Fortalezas de Lugo y su provincia

No ano 1603, Don Luís Carrillo Toledo, conde de Carazena, señor de Pinto, Gobernador y Capitán General de este Reino de Galicia,… Manda inspeccionar as cárceres e fortalezas de Galicia para que os presos nelas encerrados teñan un trato mais digno e dereito a xustiza e visita de familiares.

«que mandavan y mandaron dar provisión de su magestad para que una persona de esta rreal audiencia que para ello será nombrada vaya noteficar a las personas deste rreino que tienen Juridiciones y fortalecas en el y en sus ausencias a sus Justizias que dentro de quatro meses térraplenen y cieguen los calabocos mazmorras y cuebas y algibes que tienen debajo de tierra de que husan para prisión y hagan cárceles en las partes y lugares donde suelen y acostumbran hazer audiencias publicas de ordinario, decentes y seguras, con que no sea dentro de sus fortalegas para que los presos puedan mejor siguir sus causas y comunicar a quien ubieren menester y pidir limosna. Y de como lo suso dicho se cumple invíen testimonio dentro del dicho termino … (3)

Entre lista de fortalezas as que nomea atopase a dita prisión de Monterroso, tamén se nomean os castelos de Pambre, San Miguel de Penas e Amarante.

O 18 de xaneiro 1753 levouse a cabo a realización do Catastro chamado da Ensenada na parroquia de San Martín de Fente. Donde escribe en relacion con A Torre, “Villanueva”.

Outeiro onde estaba a Torre

“En esta feligresía se halla la casa de Carcel de esta Jurisdicción de Monterroso donde es Correxidor y Justicia ordinaria D. Manuel de Prado que aunque vive en la feligresía de S. Cristobal de Novelúa tiene su audiencia en esta Feligresía y de la que es “individuo” Manuel Varela Salgado  e cuatro Menistros Jueces Pedaneos que sirven la Jurisdicción por Partidos. E nesta manera Gregorio García juez pedaneo del partidos dos Ferreiros,…. Domingo Fernández Juez Pedaneo del Partido de Detras da Serra, …. Domingo Vazquez Liñeira Juez Pedaneo del Partido de — , … Pedro de Santos Juez Pedaneo del Partido de Insua, ….

Entón en Vilanova de Monterroso, A Torre, a maiores da Prisión atopábase a audiencia da xurisdición. Non se sabe si na mesma Torre ou en edificio anexo. O lado de onde se asentaba a Torre atópase un edificio incrustado nunha casa na que se diferenza na pedra e en que ten unha ventá con un tornachuvias e un vano superior, propias dos séculos XVII ou XVIII.

Tamén según o catastro da Ensenada, no ano 1730 do século XVIII, só vive en Vilanova un veciño, Ventura Pacín, habitando unha casa de planta baixa e con un fillo menor de 18 e cinco fillas. Ademais de Labrador era Arrieiro i era o Carcereiro da Torre.

A parroquia de Fente historicamente e un lugar interesante. Sábese debido a doazón que lle fixo o Emperador Alfonso VII ao mosteiro de Sobrado dun casal que o seu pai o Conde Raimundo de Borgoña, Conde de Galicia e case rei, casado con Dona Urraca señora de Galicia, posuía en Fente.

1155, decembro, 24. León. “Afonso VII, coa súa muller a emperatriz dona Rica, e cos seus fillos, os reis Sancho e Fernando, doa ao abade don Exidio, e ao mosteiro de Sobrado, o casal ermo de Fente, que fora casa do conde Raimundo”. (fol. 83r-v) (4)

Posibel audiencia de Monterroso?

Posteriormente os monxes de Sobrado fixéronse con numerosas propiedades pola zona, tanto de doazóns coma por compra. Destacando entre as suas propiedades a Granxa de Fente,  hoxe unha aldea chamada A Graña.

A construción da Torre de Fente seguramente foi a típica torre medieval erixida sobre un outeiro e rodeada por unha muralla e un foxo, que serviría como punto de vixilancia e control das vías de comunicación. Nos anos setenta un veciño, xa maior, contoume que segundo dicía o seu avó, esta tiña unha escaleira recta que ía dende a porta do segundo andar ata cerca do río. Tipo de escaleira que coincide con outras torres de Galicia como poden ser as da Limia, exemplo a torre da Forxa en Porqueira.

Torre de A Forxa. (Foto: web Galicia Máxica)

Nada hai polo de agora nada que relacione a Torre de Fente con celebre castelo de Monterroso asaltado por Alfonso I o Batallador no ano 1110.

(1) A Lei de Patrimonio Histórico Español, define que: «en el seno del Patrimonio Histórico Español, y al objeto de otorgar una mayor protección y tutela, adquiere un valor singular la categoría de Bienes de Interés Cultural, que se extiende a los muebles e inmuebles de aquel Patrimonio que, de forma más palmaria, requieran tal protección. Semejante categoría implica medidas asimismo singulares que la Ley establece según la naturaleza de los bienes sobre los cuales recae».

(2) Manuel Vázquez Seijas. Fortalezas de Lugo y su provincia.

 (3) Documentos inéditos para la historia de las ciudades y villas de Galicia. Cárceles y fortalezas de Galicia en 1603. Galicia, revista regional 1888. (Biblioteca Digital Hispánica, BNE)

(4) Catálogo do Tumbo de la Hacienda que la Madre de Dios de Sobrado tiene enTierra de Melide y Monterroso y Donaciones, y Foros, y VentasCARLOS PEREIRA MARTÍNEZ

Vista dende o outeiro da Torre
Vista dende o outeiro da Torre
Paso do río
Pontella para pasar o rio andando
Outra vista da Pontella
Muiño do lugar de A Torre
Share this...
Share on facebook
Facebook
5 4 votos
Calificación del artículo
Subscribe
Notificar
guest

0 Commentarios
Comentarios en línea
Ver todos os comentarios

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
0
Me encantaría conocer tu opinión, comentax