Antas de Ulla.
A Dorsal Galega, a cordilleira central galega, atravesa Galicia de Norte a Sur, dende Portugal ata Estaca de Bares. Divide Galicia entre a zona marítima Atlántica e a Galicia do interior. Esta cadea montañosa de 210 km, está formada por diversas Serras de montes, Serra da Loba, Serra do Suído, Serra do Testeiro, Faro de Avión, Serra do Faro, Serra do Farelo, O Careón, A cova da Serpe, …
Forma a gran fronteira Oeste da Ulloa, realmente a Ulloa queda metida dentro da Dorsal, porque os outros límites son unha derivación dos ditos montes. As maiores alturas correspóndense con esta zona, o Faro en Chantada en primeiro posto con 1181 m. e en sexto lugar o Farelo con 952 m.
Estas serras debido a súa conformación, son bastante permeables, atravesalas non e algo moi difícil, pero e moito mais doado facelo por pasos naturais entre os montes.
Un destes pasos sería o de Areas, separando os concellos de Antas de Ulla en Lugo e Rodeiro en Pontevedra. Situado entre o Monte Farelo e os seu contraforte o Monte da Gurgulla (795 m.) e o Monte do Coto Redondo ou Monte dos Castros (897 m.). Quedando entre eles unha chaira onde se asenta o pobo da Somoza. Este paso aínda que menos concorrido que o seu veciño de Agüela (o outro lado do Coto Redondo), comunicaría con Ventosa, con Lalín, con Pontevedra, …
Nas súas inmediacións celebrouse a comezos do ano 983, a batalla de Portela de Areas, entre Ramiro III rei de León e Bermudo II rei de Galicia quedando vencedor Bermudo.
Este val con unha altura media de 680 m. está dominado por o Castro da Somoza (786 m.) vertente do Farelo e os castros do Coto Redondo, o Castro Pequeno, 897 m. (Antas de Ulla)) e o Castro Redondo, 892 m. (Rodeiro). A o Norte a 1 km e no medio queda o Castro de Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla).
Outra peculiaridade desta zona e a alta densidade de Petroglifos, os Petroglifos do Farelo, como por exemplo: O Chan da Gurgulla, A Laxe Ferrada, A Pena de Chaos, … e os que foron desaparecendo en tempos recentes e os que están por atopar, ainda que cada vez máis difícil debido os aeroxeneradores, granxas varias e a plantación de eucaliptos e piñeiros.
12. CASTRO DA SOMOZA
I – LOCALIZACIÓN.
Nome do Xacemento: Castro da Somoza
Lugar: A Somoza Parroquia:. Santa Cristina de Areas
Coordenadas: Latit. N. : 42º 44’ 49’’ Lonx. W.: 7º 55’ 15’’
UTM:. X-588.319 Y-4.733.268
Mapa Topográfico nº.: 122 (A Golada)
Altitude: 780 m.
Superficie: Croa: 4.450 m2. Antecastro: 5.300 m2 . Total: 9.750 m2 . Con foxos: 1.250 ha.
II – EMPRAZAMENTO.
Tipo: Outeiro en ladeira
Accesos: Dende Antas de Ulla collese a estrada que leva a Santa Cristina de Areas, e o pasar esta a pouco máis de 1 Km. chegamos a aldea da Somoza. No medio da aldea collemos a dereita en dirección do monte Farelo, cando acadamos o fin da costa que sube dende o pobo, collemos a man dereita un camiño que pasando literalmente por enriba dos petroglifos do chan da Gurgulla, nos levará ata o Castro no cal remata.
Abastecemento de auga: Dous regatos nacen nas súas inmediacións, aprox. 200 m.. Zona de fontes. Chámase a Gurgulla
Panorámica: A panorámica dende o seu cume e excepcional. Polo Norte: Terra de Melide, Concello de Palas de Rei. Este: Liña da serra da Vacaloura, parte do concello de Taboada detrás do monte San Cristovo. Suroeste e Sur: Monte do Faro (Chantada), Concello de Rodeiro, Concello de A Golada. A “mínima” visibilidade Aprox. 1Km. é a do Oeste por onde se levanta o monte do Farelo (974 m.) e O Pico un pouco mais o Sur, despois dunha Campa de aproximadamente esta lonxitude. A súa posición é predominante en toda a comarca e a súa situación parece colocada estratéxicamente para o control do paso natural da Somoza
Zona cultivable nun radio de 1 Km.: 40 %
Castro mais próximo: Castro de Santa Cristina: 1.100 m.
Núcleo de poboación mais próximo: A Somoza: 300 m.
III – DESCRICIÓN.
Configuración: Situase en plena Dorsal, nas ladeiras do Monte Farelo (974 m.), cando estas despois da Campa da Gurgulla rompen sobre a Aldea da Somoza, facendo un paso natural antes de que empece a elevarse a continuación polo Este as ladeiras do Monte de Coto Redondo (Monte dos Castros), seguindo a Dorsal que vén dende o Monte Faro.
Medida dos eixes: N – S : Croa: 70 m. + Antecastro: 90 m. = 160 m. E – O : Croa: 80 m.
Entradas: Non se aprecian vestixios de entradas orixinais. Posiblemente no Sur.
Vexetación: Toxos, Xestas e Carpazas.
Propiedade: Privada.
Observacións: Nas inmediacións deste Castro atópanse varios campos de petroglifos de bastante importancia. Tamén eran numerosos os campos de mámoas dos que casi non queda nada. A ladeira Este da meseta da que estamos a falar, chamase Costa das Mamoelas. Nesta meseta tamén se “atopaban gran numero de pedras algunhas con debuxos, cazoletas e facendo figuras varias, case todas desaparecidas, levadas polos canteiros”, entre elas estaba “O sillón do Rei, pedra cunha “cadeira” perfectamente feita dende a que se podía ver todo o contorno” (veciños).
IV – DEFENSAS: A Croa está rodeada por unha forte muralla de pedra e terra con parapeto interior, da que son aínda visibles gran cantidade de pedra de pequeno tamaño por enriba e nos laterais desta. Polo Oeste sobresae unha forte muralla aterraplenada con fortes pendentes e grosor. Na parte Norte, complementando a forte muralla de pedra e terra de uns 15 m de alto e con terraplén interior, un foxo na súa base de uns 10 m de ancho e con muro exterior ou parapeto de uns 4 m de ancho e mais de 1m de alto. Este foxo ven rodeando todo o recinto dende o N o S, facéndose imperceptible nalgúns puntos. No este a forte caída do outeiro fai de defensa natural. A maior parte da Croa está ocupada por un afloramento de Rochas de gran tamaño e con alturas de hasta 5 m., algunhas delas diseminadas por esta debido a acción dos canteiros. Polo Sur esténdese un Antecastro duns 90 m. de longo bastante desfigurado, ten un corte debido a erosión dun antigo camiño ou foxo. Na zona Oeste chama a atención un curioso e forte muro case recto que vai atravesando as ladeiras do Outeiro polo Sur ata xuntarse ca muralla do antecastro.
V – ACHADOS: Miños, cerámica. No antecastro a causa dun incendio e duns posibles expoliadores nuns buratos aprécianse restos dun muro, unha pedra con unha cazoleta e abundante restos de tégula circunscrita a unha pequena zona.
VI -ESCAVACIÓNS: Non se coñecen escavacións oficiais.
VII – FOLCLORE: Alí vivían os Mouros. Unha viga de ouro (O Figón) saía deste Castro e pasaba preto do de Santa Cristina. O Farelo sempre foi o lugar “máxico” das terras de Antas e Monterroso, segundo a “pucha” do monte sábese o tempo que fará, se hai neve e o tempo que esta dura, o frío. Os lobos mais feros e numerosos: os do Farelo. Para meigas, as que se xuntaban no Farelo. Pedra: O Farelo. Dende un dos pequenos montes do Farelo, A Torre Nova, din que vai un túnel ata o castelo do Castro de Amarante.
O Farelo e arredores foi a meta dos buscadores de tesouros, segundo os veciños, sobre todo dos vidos de outros sitios e case todos indo a tiro fixo e con unha fortuna descoñecida para os do lugar, son famosos os forasteiros ben vestidos con espléndidas cabalerías e boas sillas que chegaban preguntando por sitios concretos, covas, penas, lugares e que logo estes homes non se volvían ver e no lugar a de onde foron aparecían a miúdo buratos, sinal de que algo atoparan. Hoxe en día e a diferente nivel cóntanse historias que seguen a mesma tradición, buscar os tesouros do Farelo. Hai quen di que o libro de San Cipriano ten moito que ver, que alí ven todo escrito.
Que marabilla esa foto do castro vista dende Coto Redondo!!! Da moito que pensar sobre como está mudando a paisaxe do Farelo no paraxe da Somoza. Nela non se ven muíños, nin granxas, nin as plantacións de pinos.
Fantástico.