Entrando en Monterroso dende Lugo a dereita ou mellor dende a estrada que ven do Marco e Cumbraos a esquerda vese como se levanta este outeiro ocupado polo castro e dominando todo o entorno.
O Castro de Seteigrexas atópase situado na parroquia de Santa Eufemia de Seteigrexas no límite coa parroquia de Esporiz – Monterroso. Está sen dúbida algunha dentro da primeira división dos xacementos arquelóxicos da Ulloa.
Un castro dos grandes da Ulloa, 13.600 m2, unha vila romana asentada ós seus pes, unha vía romana, e posiblemente o emprazamento dunha torre altomedieval no que se chama o castro dos depósitos, ou castro Pedreiro (onde se atopan antenas de telefonía e os depósitos de auga de Monterroso).
O castro atópase nun estado de conservación regular, bastante castigado pola cercanía das poboacións referidas.
A visibilidade dende a súa croa e magnifica, segundo a tradición popular debe o seu nome a que dende a súa cima pódense ver sete parroquias coas súas igrexas.
Actualmente atópase cheo de maleza e unha plantación de pinos no seu antecastro, o que fai que sexa difícil o seu percorrido. Nas ladeiras moito carballo e castiñeiro.
7. CASTRO DE SETEIGREXAS
(ficha feita no ano 1999)
I – LOCALIZACIÓN.
Nome do Xacemento: Castro de Seteigrexas
Lugar: Seteigrexas (Satrexas)
O nome de Seteigrexas mantívose case invariable dende fai mais de mil anos, reflexándose en documentos do 939: Septem Eglesias, 1022: Septem Ecclesiarum, 1260: VII Ecclesiis, 1377: Sete Iglesias, ata o ano 1980 que a comisión de toponimia decidiu cambiarlle o nome a Satrexas.(1)
Parroquia:. Santa Eufemia de Seteigrexas (Satrexas)
Coordenadas:
Latit. N. : 42º 47’ 54,77” Lonx. W.: 7º 49’ 38,89”
UTM: X-595.883 m Y– 4.739.111 m
Mapa Topográfico nº.: 123 (Portomarín)
Altitude: 563 m.
Superficie: Croa: 9.300m2. Antecastro sur: 4300 m2. Total: 13.600
II – EMPRAZAMENTO.
Tipo: Outeiro
Accesos: A aldea de Seteiglesias está lindando coa vila de Monterroso e o Castro está aproximadamente a 1 Km. deste. Collendo a estrada cara a Lugo e desviándose á esquerda atópase o “Campo de Caracacho” , e neste cóllese tamén a esquerda por un camiño monte arriba. Á dereita atópase o Castro de Seteigrexas e á dereita o Castro Pedreiro, (depósito de augas de Monterroso).
Abastecemento de auga: Pola súa parte Norte decorre o rego de Fondevila. Na faldra Leste enriba dos prados de Supino a Fonte de Santa Eufemia, con gran tradición popular, con lendas de princesa Moura encantada. A Fontemaior
Panorámica: A visibilidade é de 300º aprox. Quedando tapada a súa parte Sur polo Castro Pedreiro.
Zona cultivable nun radio de 1Km.: 80 %
Castro máis próximo: Castro de Sirgal 1.400 m.
Núcleo de poboación máis próximo: Seteigrexas: 250 m. Fondevila: 250 m.
III – DESCRICIÓN.
Configuración: O Castro de Seteigrexas, asentase nun dos dous Outeiros situados perpendicularmente entre Seteigrexas e Monterroso e que se erguen sos no contorno. O Outeiro situado máis ó Sur (Castro Penedo) de maior altura mais rochoso e vertentes máis definidas e regulares, leva anos dicado a albergar o depósito da auga de Monterroso. Castro de Seteigrexas propiamente dito atópase máis ó norte, uns 200 metros. O outeiro no que se asenta, sobe cunha pequena pendente dende o sur , lugar de unión co Castro Penedo e cae con forte pendente polos outros lados formando varias terrazas.
Medida dos eixes:
N – S : Croa: 105 m. Antecastro sur: 57 Total = 162 m..
E – O : Croa : 112 m. Antecastro sur: 102m. Total = 112 m.
Entradas: Posiblemente na parte norte, por onde un camiño que parte do que bordea o recinto todo o longo, sobe oblicuo o terraplén e entra no Castro o lado dun penedo cortado en vertical e que fai de muralla natural.
Vexetación: A Croa atópase en parte cuberta de xestas e toxos. Os antecastros con carballos, castiñeiros, pinos, xestas e toxos.
Propiedade: Privada.
IV – DEFENSAS: As defensas naturais pola contorna E-N-W son importantes. Pola súa parte Sur a menos pendente, o acceso a Croa faise a través de un antecastro coas defensas bastante desfiguradas, restos de un foxo duns 8 m. de ancho con parapeto exterior de 1 m. de alto, morrendo na muralla do antecastro cunha altura exterior de uns 3 m. por uns 2 m. no interior. A Croa nesta zona ten un potente muralla aterraplenada de uns 4 m. de altura con parapeto interior de uns 2 m. de alto por uns 8 m. de base. No medio ábrese ó actual acceso. Son os únicos vestixios de parapeto en todo o recinto. Restos de cimentación da muralla son visibles en case todo o seu contorno. A defensa natural do recinto agás polo sur e excelente, con paredes case verticais de uns 12 m. de altura entre terrazas, sendo posiblemente verticais debido a que a inclinación actual é debido ó derrube da muralla, xa que no chan existe unha grosa capa de pedra miúda que se divisa nas raíces das árbores caídas.
Ten un complicado sistema de terrazas, formando unha especie de espiral, de difícil interpretación debido a densa vexetación que cubre case todo o recinto e a non aparecer reflictidas estas nas fotos aéreas.
V – ACHADOS: Muíños redondos, “Cazolos de barro” coméntase de un pendente de ouro (Arracada), pedras do fume, etc. Nas inmediacións do Castro, atopouse un Miliario adicado a Caracalla. (Hoxe na Universidade de Santiago). Na zona Sur-Leste do Castro atópase o Campo de Caracacho e ó final deste levántase a Igrexa de Seteigrexas. Nesta área é moi frecuente atopar restos de ladrillo e Tégula romana. Contan os do lugar que ó arar as fincas, aparecían moitas veces “moitos cachos de barro, pedras moi ben feitas, labradas, algunhas con debuxos e letras, pero que naqueles tempos non se lle daba valor a esas cousas, pousábanse nos valados e co tempo desaparecían”
Neste mesmo campo de Caracacho atopouse unha especie de “verraco” de pedra que se atopa no museo parroquial de Monterroso.
VII – FOLCLORE: “No castro hai tres trabes, unha de ouro, outra de alcatrán e outra de lume. As tres trabes chegan ata o Castro de Sirgal. Se atopas a de Ouro ben, se atopas a de alcatrán ou a de lume arde todo.” Na Fontemaior aparecíase unha princesa Moura de gran beleza coidando uns pitos de ouro ….
Na fonte de Santa Eufemia que se atopa na base do Castro, cuberta de pedras, botábase a camisa de un enfermo, se esta flotaba, o enfermo sanaba, si se fundía, este podía morrer.
Así mesmo existe un penedo no campo por debaixo da fonte, con unha cruz no seu curuto que teoricamente está dedicada a un home que morreu asasinado no lugar.
“Chamase Seteigrexas porque dende riba do Castro pódense ver sete Igrexas ou sete parroquias”
VIII – BIBLIOGRAFÍA: (1) Méndez Vázquez Carlos. Castros de Monterroso. Edit. Alvarellos (Lugo) 1983.
Acuña Castroviejo, Fernando. Caamaño Gesto, Xosé Manuel. Un Miliario Romano procedente de Seteiglesias (Monterroso, Lugo). Boletín de la comisión de monumentos de Lugo. 1977-78. Nums. 87-90, pag.29.
(1) Nicandro Ares Vázquez. Lucensia 21, pax. 271.